TÍTULOS

Hadrián VII, papa modelo

Cartaz polaco da obra teatral Hadrián VII, basada na novela de Barón Corvo.

Cartaz polaco da obra teatral Hadrián VII, de Peter Luke, baseada na novela de Barón Corvo.

Ás veces, atópanse cousiñas na rede que alegran o día. Hoxe, descubrimos casualmente isto: My favorite pope, unha entrada dun blogue no que alguén xustifica con boas xustificacións por que, entre todos os papas históricos (e a papisa?), o seu favorito é Hadrián VII, o personaxe creado polo Barón Corvo.

Entre outras cousas, porque:

-Paga as súas débedas e espera que lle paguen o que lle deben.

-É modesto na vestimenta e nas súas maneiras e tamén frugal.

-Refuta, na súa Epístola aos americanos, a corrente filosófica á que máis adiante daría forma Ayn Rand (confundindo, ai, subjectivism con objectivism).

-Rexeita someterse a unha chantaxe aínda aceptando o escándalo.

Pero, de todas as razóns mencionadas por Eric Leventhal, autor do blogue How Can You Like That?, a que máis nos chistou ás Irmás foi a seguinte:

«E cando descobre que dous dos novos seminaristas da súa casa están namorados, cómpralles unha granxa para que poidan convivir felices e sendo aínda bos católicos.»

Estándar
AUTORES CARTONÉ

Quen foi o Barón Corvo?

Frederick Rolfe_sil-01Quen foi Corvo? Foi na realidade tan extravagante como o describen por aí? Un gurgullón de creatividade apaixonada, pegadiza, carnal, de cores resplandecentes e fastosas no polucionado ermo gris de cemento, aceiro e ideoloxía imperialista do Reino Unido de finais do século XIX e principios do XX, iso foi. Frederick Rolfe desde o día que naceu en 1860, mestre desde que saíu da escola, converteuse ao catolicismo aos 26 anos, máis que por motivos relixiosos, ao parecer, por cuestións estéticas, porque para Rolfe foi sempre a estética o seu propósito final, tanto na vida como na súa obra. Hadrián VII é boa mostra disto, e de máis cousas.

Unha novela que mistura a anticipación histórica, as intrigas palacianas e os enfrontamentos de bloques xeopolíticos co gusto polo luxo, a sensualidade apolínea e un revirado ideal de autosacrificio. Desvaríos de grandeza, sensibilidade desbordada e falsa modestia engalanan a un protagonista tan excéntrico, intrigante e antolladizo que só é superado polo seu propio autor, excelente enxeñeiro da palabra, de estilo efervescente e imaxinación sen límite.

Definida nalgunha ocasión como «fantapolítica vaticana e autobiografía confesional», neste caso obra e vida, protagonista e autor entretécense até niveis insospeitados, conformando un instrumento lexible que nuns anacos move á risa e noutros á sorpresa. Non por iso carece de entidade propia o protagonista, George Arthur Rose, futuro papa Hadrián VII, quen ao longo desta orixinal novela tenta pór orde nun mundo mal concertado, poboado por infantís brutáns con aficións bélicas e vulgares, e necesitado dun adaíl do bo gusto e do bo senso.

Pero volvamos a Corvo. Empeñado en ser sacerdote, ingresou no seminario en Roma, de onde foi expulsado pola súa falta de concentración no estudo e a súa conducta. A anciá duquesa Sforza Cesarini, inglesa casada cun duque italiano, adoptarao e imporalle o título de Barón Corvo, que el alternará coa súa enganosa sinatura Fr. Rolfe, doadamente confundible con frater Rolfe, ao xeito das sinaturas dos relixiosos. Sobrevivindo grazas aos calotes dados aos seus cada vez máis escasos amigos e benefactores e como escritor freelance, Rolfe-Corvo pasará os seus días entre Inglaterra e Venecia, onde entre amoríos con seminaristas e gondoliere, finará pobre aos 53 anos.

Estándar