AUTORES CARTONÉ

Ás voltas con Virginia

Virginia Woolf_silCo gallo da publicación en español da biografía máis exhaustiva de Virginia Woolf, da man da arxentina Irene Chikiar Bauer, na editorial Taurus, as Irmás seguimos a darlle voltas a esta escritora. Ás veces, como ocorre coas árbores e o bosque, o personaxe non deixa ver á persoa, e a interpretación, máis ou menos maliciosa, máis ou menos interesada, que se desprende da opinión de críticos e, en moitos casos, de momentos illados dun todo, incluso de materiais gráficos como fotografías ou filmes, promove unha imaxe fragmentaria, simple, até patolóxica dun ser humano pleno, complexo e, por que non, coas súas contradiccións e fraquezas. Non as temos todas?

No caso de Virginia Woolf esa manipulación é flagrante. Ou iso achamos sempre as Irmás. Unha muller, escritora, nacida nunha época crítica, reducida a unha ducia de fotografías e dous ou tres retratos, unha enfermidade e un final tráxico. Se acaso menciónase algunha das súas amantes. Non se pasa de aí. Ninguén entra, por exemplo, nos modos de fotografar daquela, a distancia entre a persoa que fotografaba e a fotografada. Tampouco se fala dos xeitos de posar. Nestes tempos de selfies e egolatría, nos que a personalidade dunha é a pose reflexada nunha insípida autofotografía condenada a non traspasar o formato dixital, pero partillada deseguida nas redes sociais, entendémolo de maneira totalmente distinta. Virginia fotografada por amigas, fumando, lendo, rindo, disfrazada de príncipe abisinio cos amigos do círculo de Bloomsbury, con xesto contrariado ao ver a cámara, nunha conversa divertida con Lytton Strachey, coa mirada perdida no baleiro… Todos eses momentos e mais outros puideron verse na exposición Virginia Woolf: Art, Life and Vision da National Portrait Gallery de Londres en 2014. Sendo unha exposición completa e todo, o que había alí non era Virginia Woolf. A propósito, si sabemos que odiaba ser fotografada.

Tampouco eran ela as crises, internas e externas, ás que foi sobrevivindo até xa non poder máis. Alén das traxedias familiares, a súa doenza e cousas máis ou menos triviais das que temos rexistro da súa man (por exemplo, as súas continuas disputas con Nellie, a súa servente, das que daba pormenorizadas contas por carta a súa irmá), non é posible entender á Woolf se non é inmersa na convulsión xeralizada das primeiras décadas do despiadado século XX. Non é difícil entender que os seus propios vaivéns internos, presentes, é innegable, en todos e cada un dos seus días, dixeridos en moitos casos grazas á súa escritura, tamén foron alimentados por ameazas alleas a ela e de todo punto incontrolables. Sabemos, por exemplo, que nos seus últimos anos a guerra levou por diante un sobriño dela que participara nas Brigadas Internacionais e tamén que temía pola vida de Leonard, o seu home, ante o crecemento do fascismo en Europa. Incluso en 1940 Hogarth House, o edificio onde viviran e que fora sede da súa editorial, foi bombardeado polos nazis. E aínda así, esa conmoción tampouco era Virginia Woolf.

Virginia Woolf foi iso e foi máis, moito máis. Foi unha activa dinamizadora artística e cultural, membro do círculo de Bloomsbury, que promovía unha nova forma de entender a vida, fóra de todas as convencións caducas, e viviu conforme a ela; foi unha das escritoras que revolucionaron a narrativa en inglés a principios do século XX; foi a busca que emprendeu nas súas propias obras, que, segundo as súas palabras son: «… un xogo moi perigoso e excitante, que necesita dúas persoas para poderse xogar»; Foi unha aguda crítica literaria e tradutora do ruso xunto co seu amigo Samuel Koteliansky; foi a editora que, xunto con Leonard Woolf, levantou Hogarth Press, manchando as mans de tinta nos inicios, pois era ela quen se encargaba da composición, feito que influíu na súa percepción da propia escritura, e publicou autores tan importantes como Katherine Mansfield, Vita Sackville-West, T.S. Eliot ou John Maynard Keynes…

Estándar