AUTORES CARTONÉ

Virginia Woolf no Soho

Algunhas cidades, para poder dixerilas, convén trinzalas en anacos máis cómodos de mastigar e tragar. E, como é lóxico, ao comer escollemos as porcións de aspecto máis apetitoso e interesante. No caso de Londres, o Soho é sen dúbida un deses saborosos bocados, non tanto polo que é hoxe, reconvertido desde principios da década de 1980 nun dos moitos distritos de entertainment para turistas, como pola súa personalidade, estendida ao longo dos tempos nunha irregular secuencia de cambios da que Virginia Woolf puido coñecer unha fracción e gozala. soho woolfFamoso desde mediados do século XIX polos seus cabarés, os seus teatros de espectáculos erótico-festivos, os seus bordeis e outros negocios de mala reputación, o que daquela era a traseira do glamouroso West End, era ademais zona residencial e de traballo para artesáns especializados (zapateiros, reloxeiros, etc.), a grande maioría deles de orixe estranxeira. Naquel tempo a media de habitantes forasteiros en Londres era do 4%, pero no Soho chegaba ao 40%! E foi desde sempre acubillo para os perseguidos. Alí foi onde se refuxiaron os hugonotes franceses a finais do XVII e tamén onde viviu Karl Marx na década de 1850. Pero todo isto estaba mudando na época que nos interesa. Nos anos vinte do século XX o Soho era un fervedoiro no que se mesturaban o italiano, o grego, o ídiche e o francés co inglés dos donos dalguns vellos comercios, restos do Londres da Georgian Era conservados polo desinterese das autoridades na zona. Unhas rúas estaban invadidas por postiños de venda ambulante de medias e quincalla onde, coma nos nosos «mercadillos» de hoxe, vendedoras e vendedores pregoaban con agresividade as ultimísimas novidades da moda; outras eran dos pequenos restaurantes —italianos, gregos, chineses…—, única vía de escape da gastronomía británica en Londres; noutras dominaban as librarías de segunda man, onde os paseantes podían atopar libros de todo tipo a prezos populares e cambiar os que xa leran por outros. Había abundancia de clubs, como o 1917, un espazo dedicado ao encontro e ao debate das ideas socialistas en cuxa fundación participou Leonard Woolf, ou o club italiano, punto de reunión de fascistas e mussolinianos; e tamén había centos de pubs, esa versión inglesa da nosa taberna, da que se diferencia polo xeral no nome, nos prezos e no empapelado, polos que comezaban a pulular poetas, anarquistas, pintores, escritores, etc. Polos seus diarios, sabemos que Virginia Woolf mercaba as súas medias de seda, «con pequenas taras», nos postos de Berwick Street, remexía entre os libros usados das librarías de Charing Cross Road e gustaba de cear coas amizades no pequecho restaurante franco-italiano Soho, en Old Compton Street. Pero eran sen dúbida os paseos sen rumbo polas rúas e os seus ambientes, esculcando a xente, os comercios, as mercadorías. En Ruar, Woolf recolle xa unha forma de entender o espazo e o paseo similar á que rexe hoxe os nosos pasos polas grandes superficies, ese expectante deambular entre escaparates, cativada a atención polas mercadorías dun ou outro posto, coa seguridade de ser unha máis no «vasto exército republicano de anónimos camiñantes».

Advertisements
Estándar

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s