AUTORES CARTONÉ,TÍTULOS

Diálogo editorial nunha tarde de xullo

Irmá 1: Habería que ir falando algo do novo título e desta vez tócache.

Irmá 2: Ai, si. E que queres que conte?

Cartoné praiaI. 1: É cousa túa.

I. 2: Vale, pero non sei moi ben como enfocalo. Falo da autora, da súa vida? Algo así como: Katherine Mansfield naceu o 14 de outubro de 1888 no seo dunha respectable familia acomodada de Wellington, Nova Zelandia. Namentres viviu…

I. 1: Namentres?

I. 2: E lo’?

I. 1: Nada, filla, que te pos un pouco pedante.

I. 2: Vaia. Que son demasiado seria para a señora. A ver así: aos seus rancios proxenitores non lles resultaba simpática aquela cativa gordecha, tatexa, con lentes e respondona…

I. 1: Boh!, tampouco hai que diseccionar a súa vida. Basta cuns datos básicos, que foi sempre de natureza rebelde, que marchou a Oxford a estudiar e alí, iso é o importante, espertou a súa vocación literaria…

I. 2: Acho que a xente gusta dos detalles. O dos seus amores, as amizades con escritoras e escritores, o daquel tradutor polaco que a contaxiou de…

I. 1: Mira, do que hai que falar é de Nunha pensión alemá, que foi o seu primeiro libro de relatos…

I. 2: E escribiuno nunha cidade-balneario de Baviera á que chegou obrigada xunto coa súa nai para ocultar un embarazo…

I. 1: Ai, que laretas es! Por que non falas de como a Mansfield ispe o cru mecanismo da convención social, das relacións no seo da familia, e destapa non só a pirámide xerárquica que forma o seu esqueleto, co home arriba, senon tamén a soidade na que as persoas que habitan os chanzos de abaixo desta gradación de valor teñen que xerar o seu espazo vital persoal, unha mistura de niño e gaiola? Pola aritmética dos afectos que embebe este ámbito, o valor numérico de cada persoa resoa diluído nun círculo social máis amplo, augado pola carauta que cada quen tenta manter posta. Augado semella máis aturable, un baile de máscaras no que os personaxes raras veces saen dos movementos fixados polas rodas dentadas da boa educación e as aparencias. É nese reduto privado onde a intimidade resulta abafante, onde a escala de valor numérico fica denudada, onde non hai xa necesidade de finxir benevolencia e impera unha especie de comunicación canina, composta por acenos ameazantes, ordes curtas e xogos de miradas, lealmente eloxiosas agora, doridas, ofendidas, vingadoras despois.

I. 2: Mimá, que profundidades, licenciada. Que estamos no verán, que a xente quere un libro para levar á praia e este pódese levar e botar unhas risas lendo. A Katherine tiña o ollo moi fino e a pluma moi ben afiada, e tamén tiña un humor moi vivo. E ademais critica aos alemáns!

Advertisements
Estándar

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s