AUTORES CARTONÉ

Matar ao pai

Sherwood Anderson-01Disque o paso do tempo pon a todo o mundo no seu lugar e especialmente no caso da literatura. Grandes éxitos de venda e crítica son esquecidos en menos dunha década e todo o brillo rechamante dun momento concreto convértese no espectáculo efémero dunha estrela fugaz que se achega e pasa sen deixar máis que un breve recordo. Pero ás veces, moi poucas veces, esa estrela fuxidía alumea con tal forza que, ao seu paso, acende outras que van perdurar máis no tempo, acendendo á súa vez, ao pasar, outras máis que farán o mesmo.

A estrela chamada Sherwood Anderson levaba toda a súa vida ardendo paseniño e case sen chama, até que o 28 de novembro de 1912, aos 36 anos, ocorreu o que segue: despois de escribirlle unha nota a súa muller, Anderson saíu da súa oficina na localidade de Elyria e desapareceu até o 1 de decembro. Ese día entrou nunha farmacia de Cleveland, a case 40 quilómetros de Elyria, en busca de axuda. El mesmo aclarou trinta anos despois que «Quería marchar, alonxarme do negocio…». E alonxouse do negocio, da familia e de Elyria para sempre.

Cunha combustión agora renovada, Anderson dedicouse a escribir sen remorso sobre as intrincadas vidas interiores dos seus concidadáns, sobre as insatisfaccións e os pequenos enganos da xente común, cunha meticulosa capacidade de observación e un estilo sinxelo e innovador que construía historias máis complexas do que a primeira vista se percibía. Ademais de publicar en xornais e revistas, divorciouse dúas veces e casou dúas máis, marchou vivir a Nova Orleáns, onde se converteu no centro dunha constelación de escritores noveles. Alí coñeceu a un inexperto William Faulkner. Anderson apadriñou ao novato, deulle consellos sobre a súa escritura, recomendoulle ao seu editor a súa primeira novela… Chegaron mesmo a vivir xuntos.

Pero a relación de admiración e amizade deu paso de súpeto a un rexeitamento profundo, e Faulkner parodiouno non só no literario na súa novela Mosquitoes. Certo é que despois intentou emendar o feito dedicándolle a súa terceira novela, Sartoris, «A Sherwood Anderson, por cuxa xenerosidade fun publicado por primeira vez, coa convicción de que este libro non lle dea razón para arrepentirse dese feito». A seguinte novela de Faulkner, O ruído e a furia, supuxo o inicio da súa máxima combustión.

A relación entre Anderson e Ernest Hemingway foi diferente. Hemingway estaba feito doutra pasta. Cando Anderson o coñeceu, Hemingway xa experimentara na súa carne a guerra en Europa e mantiña unha boa amizade co escritor John Dos Passos. Houbo unha admiración inicial entre os dous e cando Hemingway comentou o seu desexo de viaxar a Roma, Anderson non tivo reparo en aconsellarlle París, onde vivía «a xente máis interesante do mundo» e onde Hemingway e a súa parella chegaron ben provistos de cartas de recomendación do autor de O triunfo do ovo que lle abriron ao escritor innúmeras portas, tanto de literatos e artistas, como de editores. Foi diso quizais, esa toma de conciencia da grandeza de Anderson incluso alén do Atlántico, do que se celou Hemingway? Ou foi a vertixe da Europa de entreguerras? Ou foi aquel endiañado carácter do autor de O vello e o mar, competitivo até coas súas compañeiras sentimentais á hora de poñer fin a unha relación?

Famoso, segundo Anthony Burgess, polas malleiras que lles daba a homes maiores e máis fracos ca el nas súas proverbiais xuntanzas amistosas de boxeo, Hemingway ridiculizou a Anderson na súa obra The Torrents of Spring, no primeiro dos ataques que dirixiría ao longo da súa vida contra amigos escritores (como faría anos despois en The Snows of Kilimanjaro coa figura de Scott Fitzgerald). «True writer’s gratitude», chamouno Hemingway, a verdadeira gratitude do escritor. Cando, anos despois, a mediados dos anos trinta, Anderson só era un astro a punto de extinguirse, Hemingway xa acadara o inicio do seu duradeiro esplendor, que o sobreviviría durante anos coa aparición de varias obras póstumas.

Pero foi o fulgor de Anderson nos anos vinte o que prendeu o lume inicial de Faulkner e Hemingway, e esa faísca primeira perdurou nos seus temas e estilos, nas súas eleccións dos personaxes, nas súas ambientacións, na maneira de describir as relacións humanas. Así o recoñecería Faulkner nun borrador manuscrito do seu discurso de aceptación do premio Nobel cando escribía que Hemingway, Dos Passos, Thomas Wolfe, Erskine Caldwell e máis el mesmo eran «todos nós fillos de Anderson».

Advertisements
Estándar

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s